Superada unha final

 O Compos superou unha final adiantada contra un Coruxo que tivo opcións de puntuar ata o final. Un partido no que os nosos non puideron dar a súa mellor imaxe pero que se puido gañar grazas a tres goles. Juampa, que inaugurou a súa conta con dous tantos, e Brais Abelenda, cun golazo, asinaron un triunfo que a piques estiveron de evitar Silva e Chabboura empatando no segundo tempo. Ademais, houbo tempo para a polémica cun posible penalti por man nos minutos finais. 

 Sen poder facer un bo partido, contra un Coruxo que soubo como anular o centro do campo, a igualdade sería máxima durante os primeiros quince minutos, con chegadas rápidas nos dous conxuntos mais sen ser quen de poñer en problemas aos porteiros. E sería na primeira oportunidade clara cando chegaría o primeiro gol, cun centro de Miki que toca o xusto Brais Abelenda e fusila Juampa chegando dende atrás. Gran gol do extremo fronte aos seus ex co que estrear, ademais, a súa conta. 

 A resposta do Coruxo non se faría esperar, con Silva moi perigoso en traballos ofensivos. O de Tomiño sería unha ameaza constante para a portería de Pato, moi seguro baixo paus malia encaixar dous goles. Tamén tería oportunidades o Compos para avisar coa defensa verde moi segura e Alberto deixando unha boa imaxe na súa volta a San Lázaro. 

 Habería que esperar ata o engadido do primeiro tempo para celebrar o segundo gol, co que os nosos chegarían ao tempo de lecer cun resultado inmellorable malia non estar a deixar unha imaxe moi boa. Un gol que nace nas botas de Antas, cunha falta que toca Brais Abelenda e pon un centro ao pau contrario no que aparece Juampa para marcar cun gran testarazo. 

 Os trocos melloran o partido. 

 O segundo tempo arrincou cunha clara oportunidade de Saro a pase de Brais Abelenda. Unha xogada que de pouco serviría coa gran mellora dos homes de Míchel Alonso e que os levou a recortar diferenzas cun gol de Silva logo dun erro defensivo claro e, cinco minutos despois, sería Chabboura quen pecharía o seu debut con gol a pase do propio Silva. 

 E se as accións do adestrador visitante serviron para darlle unha mellora aos seus, non foron para menos no Compos. Hugo Sanmartín e Baleato, os primeiros en entrar, melloraron ao equipo tanto en ataque coma en defensa tendo os dous oportunidades para devolver o equipo ao camiño da vitoria. Non obstante, sería Brais Abelenda o encargado de anotar o terceiro e definitivo cun disparo dende fóra da área imposible para o gardamallas. Un golazo do máximo anotador do equipo e que repite por segunda xornada consecutiva. 

 Pero non só houbo goles, tamén houbo tempo para a polémica nun treito do partido onde un erro sairía aínda máis caro. E neste caso, o erro sería tanto do colexiado coma do seu asistente ao non ver unha máis que posible man dentro da área. Disparo de Hugo Sanmartín e un defensa saca o balón na liña tocándoo primeiro coa man para despexar logo coa perna. 

 Os nervios duraron ata o final. Sabedores do nivel ofensivo do Coruxo e cunha vantaxe mínima, era o momento de evitar calquera susto. Aínda así, Valiño sería quen de mandar un balón ao longueiro no engadido, sen tempo suficiente para volver marcar no caso dun novo empate. 

 Por sorte, o Compos encadeou por primeira vez dúas vitorias consecutivas e visitará ao Guijuelo, actual último clasificado, dende unha posición privilexiada dunha clasificación irreal, con moitos partidos adiados. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario