Un filial de nivel

 Se o pasado sábado tocaba enfrontarse fronte ao favorito do grupo sur da Terceira, este mércores haberá que facer o propio contra o que apunta a ocupar a zona máis alta do grupo norte. O Real Club Deportivo Fabril recibirá aos nosos en Abegondo na reedición do partido polémico xogado en febreiro e que poñía fin a unha xeira de cinco vitorias consecutivas a prol do conxunto dirixido por Yago Iglesias. 

 Marchou Luisito e chegou Valerón coa intención de mellorar o filial deportivista, un segundo equipo que quere ocupar a vindeira tempada o lugar onde estará o cadro principal. Un bo equipo cun adestrador que coñece ben o clube pero que chegará a esta cita con ausencias destacables como a do dianteiro Adri Castro, entre outros, facendo a pretempada co primeiro equipo, e con posibilidades de ser o suplente de Primo no Compos esta mesma tempada segundo informou o pasado sábado o Galicia en Goles da Radio Galega. Unhas baixas que cubre coa presenza de xogadores da base e cos que se estreou, sen goles, nas Eiroas o pasado sábado.

 Por parte do Compos, o segundo amigable da pretempada rematou con derrota e moita tensión, con Rodri e Matías Vesprini expulsados nunha lea no treito final dun xogo con moitos coñecidos. Aínda así, boas sensacións nun equipo que dominou ao rival e que non encadeou o seu segundo triunfo consecutivo por pouco. Outra boa nova foi a estrea de Guille Torres no seu novo equipo mentres que a mala foi a ausencia de Saro, Juampa e Sergio Pereira, cos dous primeiros facendo traballo de recuperación sobre o verde de Espiñedo. 

 O partido será o primeiro desta semana con dobre cita chegando, por fin, o sábado o primeiro encontro no Vero Boquete. Descoñécese o rival todavía, mais todo apunta a que será o Coruxo o que estree o verde de San Lázaro este novo curso na quinta edición do Memorial Antonio Bermúdez. Pola súa parte, en Abegondo, o partido será este mércores ás 11 da mañá a porta pechada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario