Marcos Remeseiro, reforzo ofensivo


A días de arrincar os adestramentos, o Compos segue a reforzar un plantel xove con moitas renovacións e ilusión por mellorar, dentro do posible, o feito a pasada tempada, case de ensoño. E un día despois da mellor renovación posible, confírmase a chegada ás filas branquiazuis de Marcos Remeseiro, procedente do C.D. Boiro. 
Nado na Coruña en xullo de 1992, Marcos Remeseiro Conde é un mediapunta formado nas filas da base coruñesa, chegou ao Racing de Ferrol para rematar a súa etapa xuvenil debutando co primeiro equipo verde na Segunda B hai xa oito anos. Non obstante, o seu primeiro equipo no fútbol senior non foi outro que o Galicia de Mugardos, filial do conxunto da Malata. 
O curso no cadro ferrolán levouno ás filas do Cerceda, onde pasou outras dúas tempadas con moi pouco protagonismo pero aproveitando ben os minutos cos que puido contar marcando 8 goles antes de chegar, en 2013, ao Fabril. Un paso polo filial coruñés no que tampouco contou con toda a confianza precisa mais si serviu para superar os 2.800 minutos na súa segunda tempada en Abegondo marcando 14 goles en liga, 2 máis na fase de ascenso e debutando co primeiro equipo en Copa do Rei contra o Málaga.
O seu paso pola Coruña abriulle as portas da Segunda B onde sería un fixo. No Somozas, onde pasou unha boa tempada, xogou un total de 35 encontros, 17 deles como titular, superando os 1.800 minutos e sen conseguir ver porta, algo que si puido facer co Depor na pretempada fronte ao Silva. 
O seu seguinte paso nesto do fútbol foi, posiblemente, un paso atrás, polo menos en canto á categoría. Chegou para un curso ao filial do Real Oviedo, na Terceira asturiana, onde fixo un total de 11 goles en 34 partidos quedando ás portas da promoción de ascenso e compartindo vestiario con Álvaro Casas, co que coincidirá de novo esta vindeira tempada. 
Mesma categoría e diferente grupo. Chegou ao Boiro o pasado verán, a un equipo con problemas económicos, razón pola que perdeu a categoría ese mesmo verán, e asinou a súa mellor cifra de minutos de xogo. 2.450 minutos de fútbol nun total de 36 encontros perdéndose unicamente unha cita por sanción e outra por decisión do adestrador nos que fixo 5 goles. 
Agora chega para cubrir o posto que deixou baleiro Tomás coa súa baixa reforzando o ataque branquiazul. Asina por unha tempada con opción a unha segunda.

Primo, a Cantabria.
Outra das novas do día foi a presentación de Primo como novo dianteiro da Gimnástica de Torrelavega, equipo onde militou dúas tempadas sendo campión de liga no grupo 3 da Terceira división.
Dende aquí só queda darlle as grazas por todo o que fixo, sendo unha das pezas máis importantes do proxecto, e desexarlle toda a sorte para o seu futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario