Cardeñosa e Tomás non seguen


Logo de dúas tempadas nas filas branquiazuis, dúas pezas moi importantes nos plans de Yago Iglesias deixan o Compos. Cardeñosa e Tomás, que chegaron logo do descenso de categoría, non renovan os seus contratos por motivos persoais e deixan dúas marcas difíciles de superar para a directiva compostelanista, que xa busca substitutos de calidade. 

Un seguro no centro da zaga.
Procedente do Arosa, Cardeñosa chegou ao Compos co importante papel de ser un dos donos da defensa. E así foi. Un total de 69 partidos nestes dous cursos nos que ademais anotou un total de 5 goles e axudou en gran maneira a acadar este campionato de liga e chegar á final da promoción de ascenso fronte ao Salmantino. 
Na súa primeira campaña na Esedé superou os 1.900 minutos de xogo, viu 7 cartóns amarelos e 1 vermello. Peza fundamental en traballos defensivos, amosou tamén un bo traballo en ataque marcando 3 goles moi importantes, sendo dous deles vitais para conseguir catro puntos. 
E se os seus números foron bos na súa estrea, mellores foron os do curso pasado. Superou os 2.800 minutos de xogo entre liga e promoción de ascenso e marcou dous goles, un en cada competición. Ademais, 14 cartóns amarelos en 34 partidos perdéndose partidos importantes por sanción e tamén por mor dunha lesión no treito final do campionato que lle abriu as portas da titularidade a Uña. 

Peza única. 
Tomás Abelleira chegou procedente das filas do Pontevedra para ser un fixo nos esquemas do Compos durante o tempo que estivo en San Lázaro. O vigués chegou aos 62 encontros entre liga e promoción de ascenso nestas dúas tempadas nas que ocupou diferentes posicións deixando sempre moi boas actuacións.
A súa primeira tempada nas filas da Esedé serviu, sobre todo, para amosar a súa fame de gol. Xogando de centrocampista defensivo, mediapunta e dianteiro centro, anotou un total de 7 goles en algo menos de 2.000 minutos, nun total de 26 partidos nos que saltou ao terreo de xogo no once titular en 22.
Máis tempo para demostrar tivo na segunda campaña. Pasados os 2.400 minutos sobre o terreo de xogo en 36 partidos, foi unha das pezas máis importantes nos plans de Yago Iglesias. 5 goles entre liga e promoción de ascenso e 11 cartóns amarelos, aos que engadir unha boa lista de asistencias aos seus compañeiros facendo unha gran conexión con Primo.

Agora só queda desexarlles un gran futuro no fútbol a dous grandísimos xogadores tanto dentro coma fóra dos terreos de xogo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario