San Lázaro é sinónimo de gol

O Compos segue unha semana máis no primeiro posto da clasificación despois dunha nova goleada na casa. Ante un Arenteiro que deu menos problemas do esperado, o cadro santiagués superou ao frío cunha goleada importante, segunda consecutiva en San Lázaro e que deixa aos nosos dependendo de si mesmos para ser campións de inverno. 
Alex Ares e Róber de penalti e Primo e Ube asinaron os catro goles branquiazuis nunha tarde de pouco fútbol, con moita efectividade de cara a porta e, sobre todo, moitísimo frío. Nova goleada dos nosos, que suman nove goles nas dúas últimas citas como local deste 2017, e oportunidade de poñer terra de por medio co terceiro máis que aproveitada, deixando a Barco e Silva a cinco puntos. 


Sen perigo. 
Durante o primeiro tempo, o Compos fíxose coa pelota e pechou ao rival no seu campo. Un Arenteiro que amosou fortaleza defensiva co ex branquiazul Portela no centro da zaga e que buscou, sen acerto, producir perigo sobre a porta de Lucas á contra. Mais, a Esedé tampouco foi quen de provocar ocasións de gol con só un disparo de Alex Ares en máis de media hora de xogo. 
Ares, autor do primeiro disparo do encontro, foi tamén vítima dunha falta dentro da área. Penalti sen discusión a prol do Compos e o propio ex mediapunta do Cerceda foi quen de enganar ao gardamallas carballiñés. Primeiro gol, co que se chegaba ao tempo de lecer, que poñía algo de xustiza a un encontro totalmente controlado polo cadro compostelán. 

Efectividade total.
Se hai algo claro é que o Compos non pode pasar un segundo tempo tranquilo cun so gol de diferenza. Con isto na mente, o cadro de Yago Iglesias saiu ao segundo tempo con algo máis de intensidade de cara á porta rival facéndose coa primeira oportunidade de gol aos dez minutos logo da reanudación. 
Róber e Alex Ares, dous xogadores que remataron con gol esta cita, foron os autores dos primeiros avisos nun segundo tempo no que Primo mandou ao fondo das redes un bo centro do mediapunta de Pontedeume poñendo algo de tranquilidade ao xogo con máis de media hora por diante por xogarse.

Moi de cara. 
Co segundo gol, o partido púxose aínda mellor para a escadra local. O Arenteiro metido no seu campo, posesión total da pelota e ocasións suficientes para aumentar unha diferenza que medrou, de novo, dende os once metros. Un penalti claro sobre Primo e penalti que transforma un Róber moi perigoso en traballos ofensivos. 
Tres de diferenza, co Arenteiro fóra do partido e coa vitoria asegurada con máis de vinte minutos por diante. Yago comezou a cambiar cromos e buscar unha seguridade defensiva maior. Non obstante, cinco minutos da entrada de Ube ao terreo de xogo chegou o cuarto e definitivo. O propio ex do Celta aproveitou unha asistencia de Tomás para asinar o cuarto formando unha gran conexión viguesa. 
O encontro puido rematar ademais cun novo golazo de Mon que se topou co longueiro nunha falta directa que a piques estivo de entrar.

Falta Redondela. 
O oitavo clasificado, o Choco, buscará evitar que o Compos sexa campión de inverno dentro de quince días. Antes, dende o venres, Copa de Rexións da UEFA onde o combinado galego buscará quedar primeiro nun grupo que forma con Asturias e Cantabria e que xogarán en Xixón.

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Uña, Casas, Naveira; Mon, Tomás; Alex Ares (Sobrido, min. 81), Róber (Diego Rey, min. 70), Primo; e Santi (Ube, min. 75). 
CARTÓNS: Amarelo para Uña.
GOLES: 1-0 36' Alex Ares, 2-0 57' Primo, 3-0 66' Róber, 4-0 80' Ube.
CAMPO: San Lázaro.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario