14 de outubro

Ben na casa e mal fóra. Así se pode resumir con poucas palabras o que pasou tal día coma hoxe ao longo da historia recente do noso Compos con catro precedentes dende 1990 e ata o 2012 con Ponferradina ata en dúas ocasións, Izarra e Alondras coma rivais con tres triunfos e só unha derrota, que coincide coa única saída.

14 de outubro de 1990.
A comezos da década dos 90, o Compos recibía tal día coma hoxe á Ponferradina na tempada do ascenso á Segunda división. Un partido que se definiu por un so gol, con emoción ata o final e tres puntos que quedaron en Santa Isabel. 
O equipo de Castro Santos, formado por Docobo, Víctor, Tono, Cea, Cao, Juan, Salvador, Ochoa, Julio, Toñito e Moure no once titular e Caneda e Juanito entrando dende o banco; loitou ata o final para facerse cos tres puntos ante o equipo castelán e nunca mellor dito. O gol da vitoria local non chegou ata o minuto 92, cando Toñito foi quen de superar a Delgado.

14 de outubro de 2001.
Mesmo rival e mesma categoría con once anos de diferenza. Unha tempada que, de novo, remataría cun ascenso dos nosos á Segunda división e que contaría, tal día coma hoxe, cunha nova vitoria ante o equipo berciano, nesta ocasión cun resultado mellor. 
E é que o equipo de Duque, formado por Rafa Gómez, Biscay, Manu, Chema, Castiñeiras, Adriano, Pignol, Bossa, Aguado, Mino e Juanito no once titular e Pinillos, André Luiz e Corredoira reforzándoo dende o banco no segundo tempo; non precisou nin dez minutos para, cun gol de Adriano, poñerse por diante. Mino, quince minutos despois, fixo o segundo e Vilaseca recortou diferenzas poñendo o 2-1 antes do tempo de lecer. O terceiro e definitivo chegou na segunda parte, obra de Ministro en propia porta. 

14 de outubro de 2009.
E despedimos a categoría de bronce coa única derrota dun día positivo, un día que abre a fin de semana. Un partido que se tivo que aprazar e xogarse un mércores logo da imposibilidade de varios xogadores branquiazuis de viaxar por unha gripe. Un partido no que os nosos seguiron sen gol sumando a quinta derrota en oito xornadas, ás que sumar tres empates nun arrinque de campaña no que a primeira vitoria que se puido celebrar foi na Malata, no mes de novembro. 
O equipo de Baleato, que pasaba os seus últimos días coma adestrador dunha Esedé sen fútbol nin gol, formado por Pablo Castro, Jesús Torres, Catú, Cholo, Toño, Rego, Mariño, Centrón, Rocha, Monti e Rubén Márquez no once titular e Iván, Sestelo e Gonzalo entrando dende o banco; non puido evitar outra nova derrota. Nesta ocasión, Ederra fixo os dous goles do conxunto navarro, un á media hora de xogo e outro no arrinque do segundo tempo.

14 de outubro de 2012. 
Para rematar, unha vitoria que non deixou a todos contentos. A maior goleada branquiazul en moito tempo, con máis de dez goles en total, nun partido onde as defensas non apareceron. Goles nas dúas escadras e tres puntos que quedaron en San Lázaro, e que non evitaron que oito días despois Anxo Casalderrey tivera que deixar o seu cargo no banco. 
O adestrador de Ribadavia buscou os tres puntos cun once formado por Adrián, Rendo, Castiñeiras, Germán, Jimmy, Mariño, Gonzalo, Franqueira, Jacobo Tato, Martín e Joselu, aos que engadir a Bautista, Manu e Uru. E os goles non tardaron en chegar. Dous minutos e Joselu xa asinou o primeiro, seguido doutro vinte minutos despois tamén asinado polo mellor dianteiro que pasou por 'Casa Compos' en moito tempo. Menos tempo precisou Martín para facer o terceiro e o cuarto con tres minutos entre un e outro, caso o mesmo tempo que precisou Franqueira para anotar o quinto. 
No segundo tempo, Jacobo Tato asinou dous goles máis en oito minutos aumentando a conta a sete. Non obstante, o Alondras buscou meterse no partido facendo tres goles en doce minutos, obra de Carlos Campo, Dieguito e Andrés. Mais iso non foi suficiente para meter medo no corpo dos nosos, que pecharon a goleada co segundo na conta de Franqueira. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario