Primeira cita oficial

O Compos terá este mércores a súa primeira cita oficial do curso no outro San Lázaro, o de Noia. Unha saída para arrincar a Copa Deputación da Coruña 2017 ante un rival da mesma categoría. Primeiro encontro importante para os nosos só dúas semanas despois de arrincar a pretempada que medirá, xa doutro xeito, o nivel do equipo logo de catro amigables.
Noia e Compos medirán forzas logo de xogar tres días atrás no que, para os locais, será o seu segundo partido oficial da pretempada. Un partido que, ademais, será o primeiro dos tres enfrontamentos oficiais entre ámbolos dous conxuntos neste curso 2017/18 que comezará a mediados do mes de agosto.

De novo na Copa.
Compos e Noia xa se viron as caras na Copa Deputación no 2014, tamén no San Lázaro noiés. Un precedente moi positivo onde os nosos colleitaron un contundente 1-5 con goles de Manu Rodríguez, Jordan, Quim Araujo, Jimmy e Teles. Un triunfo que engadir aos antes conseguidos en 2008 e 2011 e ao empate no 2006 con algo de historia detrás.
Tres precedentes en liga, todos en Preferente, na historia recente dos dous equipos arrincando en 2006 cun partido que pasou dos 100 minutos de xogo e con gol do Compos, de Coria para ser máis exactos, no 101 para facer o 2-2 definitivo logo de chegar ao tempo de lecer cun 2-0 favorable aos de Noia. En 2008, o resultado foi moi diferente. O Compos só precisou dun gol, obra de Vladimir, para volver cos tres puntos. Mentres que no 2008, do que data a última saída branquiazul en liga, o resultado foi dun contundente 1-4 con goles de Diego Arnejo, Tore e dous de Roberto Piñeiro.

O Noia chega algo mellor.
O equipo noiés non é que se reforzase mellor, dado que o seu obxectivo é a permanencia, nin que xogase antes rivais de máis nivel senón que xa saben o que é xogar un partido oficial neste verán. Os de Jaime Sánchez superaron na primeira rolda do torneo ao Atlético Riveira nun partido cun só dono. E é que con dous goles de Abelenda, un de Ferreiro e outro de David Suárez non deron opción ao equipo local, que quedou fóra da competición cun contundente 0-4 na Fieiteira.

Primeira cita seria.
O Compos ven de xogar catro amigables ante equipos de nivel superando a Negreira e Dubra, empatando ante o Fabril e perdendo ante un Lugo moi superior. Catro partidos onde a Esedé fixo 11 goles e encaixou 10 deixando máis dalgunha dúbida sobre se a defensa está ben cuberta agora mesmo. 
Para isto, Yago contará coas baixas de Diego Rey e Ube e coa intención de facelo o mellor posible e chegar a oitavos de final da competición, onde agardará o gañador do Flavia-Arzúa. 

Tarde de mércores.
Agora que moitos están de vacacións, o partido é unha boa excusa para ir á praia e logo a seguir coñecendo as novas caras do equipo. O encontro será en San Lázaro, no de Noia, ás 20:30h e as entradas, coma sempre nesta competición, terán un prezo fixo de 5 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario