Empate e derrota


O Compos non puido pasar do empate ante o Deportivo Fabril en Camporrapado e, nunha longa tanda de penaltis, posterior derrota dende os once metros. Non obstante, boa imaxe dos nosos, sobre todo no segundo tempo, con Lorenzo sendo o gran protagonista do xogo cunha gran actuación. Ademais, Alex Ares deixou máis mostras da súa calidade sobre o verde nun partido onde Rober anotou o gol branquiazul.
Un partido onde, a diferenza do encontro ante o Lugo, non se viu sobre o terreo de xogo tanta diferenza de categoría co Compos prantando cara a un equipo dunha división superior e que se reforzou moi ben no mercado de verán. 

Primeira metade de dominio coruñés.
O filial deportivista amosou de novo a súa superioridade sobre o terreo de xogo da Silveira mais non foi quen de bater a Lucas nos primeiros corenta e cinco minutos, petando en cada ocasión contra a defensa santiaguesa. Buscaron a porta dos de Yago Iglesias sen sorte con boas internadas polas bandas batendo, en gran parte das xogadas contra Uña, un seguro defensivo un ano máis e que está amosando un bo nivel. 
En ataque, pouco que contar. Alex Ares foi o xogador máis destacado aínda que sen opcións de asistir aos seus compañeiros, incapaces de facer máis. Ademais, Primo tivo que retirarse mancado. 

Segunda parte máis igualada.
O segundo tempo si trouxo consigo ocasións nas dúas porterías e un fútbol moito máis igualado. Co Fabril totalmente cambiado, o Compos foi quen de achegarse con máis perigo á portería de Ricardo. Porén, o filial coruñés adiantouse primeiro cun gol de Pedro ante o que pouco puido facer Lorenzo, que cometeu aí o seu único erro do partido. 
Co primeiro tanto, a Esedé meteu unha marcha máis e, agora si, se puido ver unha mellor versión do centrocampista chegado do Cerceda. As ocasións, aínda que poucas, foron chegando sobre a portería coruñesa e Róber asinou o tanto do empate a vinte minutos para o final. 
Logo do gol compostelán, o Fabril buscou a portería topándose cunha gran versión de Lorenzo que evitou dous goles claros do filial deportivista antes do final. 

E moitos penaltis.
Noventa minutos de fútbol, cun gol por equipo, e co trofeo aínda por decidir. E ao igual que o pasado ano contra o Boiro, houbo que chegar aos penaltis para coñecerse o campión. Nesta ocasión, logo de nove penaltis por equipo, o Fabril saiu gañador con sete acertos ante os seis dos nosos. 

Agora hai que pensar xa no encontro do vindeiro mércores nunha nova semana chea de fútbol con dúas ou tres citas importantes. Primeiro haberá que visitar ao Noia entre semana na estrea da Esedé na Copa Deputación. De superar ao equipo noiés, Flavia ou Arzúa agardarían o domingo en oitavos do mesmo torneo pero antes, o sábado, volveremos a Pontevea para un novo triangular ante Céltiga e Cerceda.

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Uña, Naveira; Casas, Mon; Ares, Tomás, Rubén; e Primo. Tamén xogaron: Lorenzo; Santi, Queiruga, Borja, Samu, Saro, Alberto, Róber, Víctor e Marque.
CARTÓNS: -.
GOLES: 0-1 50' Pedro, 1-1 70' Róber.
CAMPO: A Silveira, en Camporrapado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario