Día de Galiza, día de Compos

O 25 de xullo, día de Galiza, poderemos vivir o que semella será o primeiro amigable do Compos este verán e, por sorte, será en San Lázaro. Un partido ante todo un equipo de Segunda división e que está a converterse nun seguro na pretempada branquiazul. O Clube Deportivo Lugo visitará Santiago para enfrontarse á Esedé en menos dun mes no que será o 'II Memorial Antonio Bermúdez'.
A segunda homenaxe ao periodista santiagués, falecido en xuño do pasado ano, chegará da man de Compos e Lugo algo menos dun ano despois do primeiro, onde o Deportivo foi o outro protagonista rematando con goleada coruñesa. Unha homenaxe que, este ano si, será de balde para os socios branquiazuis e servirá para rematar un día de festa para todos.

Terceiro ano.
Este ano será o terceiro no que Compos e Lugo se vexan as caras en pretempada. De feito, será o cuarto enfrontamento entre ámbolos dous conxuntos nese mesmo tempo. Unha proba de nivel para os nosos case sen tempo para adestrar antes xa que, a falta de 23 días, o equipo aínda non está completo.
Dende 2015, cando se xogaron dous amigables ante o equipo lugués, os dous equipos suman xa tres, catro co que se xogará este mes, partidos onde os branquivermellos conseguiron gañar sen excesivas complicacións aos equipos de Iñaki Alonso, adestrador nos tres precedentes. 3-1, 4-0 e 2-0 amosan unha superioridade entre dous equipos que se enfrontaron en liga nun total de 30 ocasións con resultados moi igualados.

Oito anos despois.
O Lugo visitou San Lázaro por última vez hai xa oito anos. Foi na tempada 2009/10, na Segunda división B e rematou con vitoria para os visitantes por 1 gol a 2, remontando nos dez últimos minutos con goles de Maikel e o 'Chino' Losada. Un partido no que tamén xogou Marcos Rodríguez nas filas do equipo lugués.
11 vitorias, 4 empates e 4 derrotas son os números colleitados polo noso equipo ante o Lugo en Santiago dende o ano 1963, cando se viron as caras por primeira vez.

Tres días.
Os dous equipos comezaron a xogar o mesmo día: o sábado 22. O Compos goleou ao Negreira cun gran segundo tempo e a estrea das novas pezas do equipo deixando moi boas sensacións con só catro días de adestramentos.
Pola súa parte, o Lugo non puido superar ao Real Oviedo na LXVI Edición do Trofeo Emma Cuervo en Ribadeo. Partido interesante entre dous equipos da Segunda división e que rematou con triunfo dos asturianos cun gol de Aarón Ñíguez no segundo tempo.
Sen dúbida, pouco tempo para que os dous equipos poidan preparar este encontro.

Estrea na casa.
Dous meses despois, San Lázaro abrirá as súas portas para a segunda cita do Compos nesta pretempada. Será un partido que, ademais, servirá de presentación ante a afección branquiazul. O partido dará comezo ás 20h pero, quince minutos antes, sairán os xogadores un por un para coñecer as seis novas caras.
As entradas estarán a un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 12 e 17 anos e de balde para menores de 12 anos. Pola contra, os abonados non terán que pasar por taquilla.
Non obstante, quen non poida asistir ao partido poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ao igual que o pasado sábado ante o Negreira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario