Teles repite o camiño de Lemos

As relacións entre as directivas de Compos e Depor están a favorecer moito á Esedé. Despois da cesión de Lemos e a fichaxe do xuvenil Javi Lorenzo, chega a San Lázaro Paulo Sérgio Rodrigues Teles, máis coñecido coma Teles. O portugués, que xa se estreou na Segunda división co primeiro equipo, xogou a segunda metade da tempada pasada no Guijuelo. 
Mediocentro de 21 anos, Teles formouse nas categorías inferiores do Marítimo de Funchal, lugar de nacemento, e do Benfica, onde militou durante tres anos. Posteriormente fichou polo Deportivo para xogar no filial na Terceira división, onde xogou 45 encontros nunha tempada e media marcando 4 goles e gañando un posto no primeiro equipo participando tanto na Segunda división como na Copa do Rei, onde se estreou ante o Córdoba. Ademais, o luso xogou 8 partidos no Guijuelo tras chegar ao clube salmantino no mercado invernal. 
Coa chegada de Teles, o equipo podería facer oficiais as contratacións do porteiro Davis, que xa xogou en Pontevea, e de Iván Pérez, sen equipo e adestrando coa Esedé dende o inicio dos adestramentos. Ademais, se rumorea a chegada dun dianteiro nixeriano que estaría a proba baixo o mando de Iñaki Alonso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario