Volta sen sorte

O Compos voltou á Segunda B sen a sorte precisa para volver a Santiago cos tres puntos. Bo partido dos santiagueses en Ourense, sen fortuna e con poucas ocasións, onde a única chegada con perigo do partido rematou en gol. Un partido sobre un terreo de xogo en pésimas condicións onde a Esedé chegou a merecer moito máis, o empate como mínimo, sobre na segunda metade. 
O partido apenas tivo emoción nin xogadas de perigo cun xogo moi pouco vistoso na primeira metade debido, sobre todo, ao pésimo estado do campo, que facía perigar o estado físico dos xogadores. Nos primeiros corenta e cinco minutos, a Esedé non estivo como debería sobre o terreo de xogo cometendo diversos erros e permitindo que o conxunto local lograse o primeiro e definitivo gol do encontro. 
Aos vinte minutos de xogo, Iker Alegre aproveitou un erro da defensa nun centro desde a dereita que o xogador asturiano non desperdiciou no segundo pau. Gol na primeira e única chegada importante non só do equipo local senón tamén de todo o partido. 
Na segunda metade cambiou o partido e o Compos non deixou que os locais tiveran opcións de certificar a vitoria antes de tempo. Gran mellora do equipo compostelán pero con grandes erros á hora de dar o derradeiro pase e buscar a porta defendida por Pato. O partido cambiou e o Ourense non puido facer máis que defenderse. Pero o mal estado do campo fixo que o xogo se complicase aínda máis. 
Aínda así, coa entrada de Diego Peláez e Yahvé o equipo mellorou, aínda que o balón seguía sen chegar aos pes de Joselu, que apenas tivo ocasións para, como mínimo, igualar o encontro e comezar así a tempada cun empate por segunda tempada consecutiva. 
Esta semana, ademais, o equipo terá dobre sesión de fútbol xa que o mércores hai partido en Negreira e o sábado en San Lázaro ante o Coruxo.

ALIÑACIÓN: Adrián; Jesús Varela, Castiñeiras, Taboada, Jimmy; Gonzalo; Jordan (Fran Pastor, min. 73), Manu Rodríguez, Fondevila (Peláez, min. 59); Joselu e Nacho (Yahvé, min. 52).
CARTÓNS: Amarelos para Nacho, Jesús Varela, Joselu e Fredi. 
GOLES: 1-0 20' Iker Alegre. 
ESTADIO: O Couto. 2.500 espectadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario