De volta na Segunda B

O Compos volve este domingo á Segunda división B, categoría de bronce do fútbol nacional. E farao a domicilio noutro dos campos galegos, O Couto. Ourense acollerá o retorno do equipo da capital, un equipo que convence e no que confiar. O retorno ao máis alto comeza este domingo. 
O Ourense é historicamente un rival complicado para o conxunto santiagués e algo que o demostra son os precedentes deste partido. Ata en trece ocasións o Compos visitou o feudo ourensán cun total de dúas vitorias, dous empates e nove derrotas. De feito, o equipo compostelán só fixo nove goles en terreo rival, algo que da por favoritos aos locais. Sen embargo, as estadísticas están para romperse e con Joselu moi acertado de cara a porta o Compos ten posibilidades de comezar puntuando. 
En canto ás baixas, Fredi terá numerosos problemas en defensa. Catú, Jorge Rodríguez e Borja Facal non poderán estar na defensa mentres que tampouco poderá xogar Jacobo, que aínda non se estreou coa camiseta branquiazul, e Diego Rey ten problemas físicos que o poderían apartar do debut do equipo en Segunda B esta tempada. Pola súa parte, Luisito non poderá contar con Capi e Alex por lesión, Adrián Cruz por sanción e Gustavo Souto por falta do tránsfer. Ademais conta coas serias dúbidas de Noguerol, Moisés García e Yosu, que poderían completar a lista de baixas antes do partido. 
Antes do partido, o actual técnico do Ourense e ex xogador do Compos só tivo boas palabras para o equipo da súa cidade: "É un clube que ten algo especial, algo distinto que non teñen outros equipos e que cando vistes a súa camiseta sentes e te transforma, algo que te fai ser mellor futbolista". E sobre o partido: "Se xogamos ao seu ritmo perdemos, seguro". "Este tipo de partidos de rivalidade sempre son moi igualados, será un partido moi complicado". 
O partido será este domingo ás 19 horas. Poderase ver pola TVG2 mentres que no campo as entradas estarán a 8 euros no fondo, 12 en preferencia e 15 en tribuna. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario