Volta á acción

Despois de varios días de traballo e a vitoria fronte ao Negreira, sen complicacións para os nosos, o Compos volve á acción para pechar a primeira volta buscando de novo as boas sensacións no Vero Boquete despois da derrota no Candocia coa que se pechou o 2019. Diante, esta fin de semana, estará o Ourense CF moi forte a domicilio e que, logo dun arrinque un tanto frouxo malia as expectativas.


Mellor fóra da casa.
O Couto e Oira non parecen ser os mellores escenarios para acoller os partidos do Ourense CF. O equipo ourensán non está a ter sorte ante a súa afección sendo un dos peores equipos cando actúa de local. Non obstante, as cifras acadadas lonxe da casa fan que consigan ocupar un posto na zona media da clasificación, aínda moi lonxe dos postos altos e cunha boa distancia, cómoda, con respecto aos postos de descenso.
Décimos, con 23 puntos, conseguiron un total de 6 triunfos e 5 empates aos que engadir un total de 7 derrotas. Trátase dun dos equipos con máis goles ao seu favor, con 29, e o terceiro con mellor defensa logo de recibir un total de 13 tantos. Un equipo que quedou sen marcar en 4 partidos e deixou a súa porta a cero noutros 7.
Lonxe da Cidade das Burgas, trátase dun equipo moi perigoso que, malia precisar de 5 saídas para sumar a súa primeira vitoria a domicilio, gañou 4 das súas últimas 5 citas sen a súa afección. Ademais, hai que sumarlle a maior goleada do que vai de tempada na visita ao Salvador Otero, onde conseguiron un 0-8.
A nivel individual hai que destacar a figura dun vello coñecido pola afección branquiazul. Róber, que volverá á que foi a súa casa o pasado curso, é a peza máis perigosa do catro ourensán. O porriñés, que non puido estrearse ata a segunda xornada, suma un total de 7 goles en 16 partidos chegando a encadear 4 xornadas consecutivas anotando polo menos un gol.

Diferentes formas de comezar o ano.
Despois de dous días de adestramentos, o Compos xogou o seu primeiro partido, en forma de amigable, o pasado venres fronte ao Negreira no García Calvo. Un Memorial onde os nosos non tiveron grandes complicacións para sumar a primeira vitoria deste 2019 nun xogo que case non deixou nada a ter en conta dada a facilidade á hora de materializar cada ocasión, rematando o xogo cun resultado de 0 goles a 4.
Pola súa parte, o Ourense chega a esta cita logo dunha incorporación histórica. Á volta de Renan Zanelli, logo dunha curta estancia en Brasil, hai que sumar a fichaxe do primeiro xogador chinés que xogue no fútbol galego. O centrocampista de 20 anos Li Diantong non parece que vaia xogar este domingo mais preséntase como unha peza importante de cara ao treito final do campionato.

Camiños semellantes.
Compos e Ourense CF conseguiron case os mesmos puntos nas cinco últimas xornadas. De feito, só un punto separan aos dous equipos cos nosos sumando 8 dos 15 últimos puntos en xogo e os ourensáns 7.
Na pasada xornada, coa que se pechou o 2018, a Esedé non puido conseguir nada positivo da súa visita ao Candocia. Un partido marcado polas accións a balón parado e que contou cos goles de penalti de Gerardo e Alex Ares no primeiro tempo, que rematou con empate e pouco fútbol. No treito final da segunda metade, Alex Pérez e Dani conseguiron deixar os tres puntos na casa.
Pola súa parte, o cadro ourensán non puido puntuar fronte ao Paiosaco en Oira. Un só gol do cadro visitante nos minutos finais do xogo serviron para mandar os tres puntos cara a Porta Santa conseguindo así pechar a primeira volta fóra dos postos de descenso.

Curta historia.
O Compos enfrontouse ao longo da historia en moitas ocasións a equipos da cidade de Ourense mais só nunha ocasión visitou o Ourense CF San Lázaro. Un partido, no pasado mes de abril, onde Primo, Santi e Rubén decidiron o resultado con tres goles nun segundo tempo de clara superioridade branquiazul. Un resultado que deixaba moitas mellores sensacións que o empate colleitado no Couto na primeira volta. 
A parte, hai que falar dunha das pezas máis importantes no cadro ourensán. Róber, que chegou á Cidade das Burgas co tamén ex branquiazul Tomás, agora nas filas do Ribadumia, pisará o Vero Boquete coa terceira camisola diferente en tres anos. E é que antes de facelo coa da Esedé fíxoo coa do Choco conseguindo, con dous goles, un empate importante para os de Redondela, que chegaban perdendo 2-0 no minuto 50.

Unha baixa segura.
Para esta primeira cita oficial do ano, Yago Iglesias manterá a baixa de Alberto. Sen poder contar con minutos en toda a primeira volta, o centrocampista ultima xa a súa volta aos terreos de xogo adestrando co resto dos seus compañeiros. Ademais, Sergio Pereira tampouco puido estar fronte ao Negreira e podería ser baixa nesta cita.
Por outro lado, Álvaro Casas comeza o 2019 apercibido de sanción. De ver un cartón amarelo, o central santiagués non podería estar fronte o Lugo B no Anxo Carro na primeira xornada da segunda volta. 

Fría tarde de domingo. 
O Vero Boquete de San Lázaro abrirá as súas portas por primeira vez neste ano 2019 este domingo ás 17 horas. Un gran encontro para o que as entradas terán o prezo habitual de 10 euros e de balde para menores de 18 anos. Ademais, xa se pode facer o abono para a segunda volta que inclúe tamén esta derradeira cita da primeira. 
Por contra, quen non poida achegarse ao teatro dos soños branquiazul poderá seguilo a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderá escoitarse na 'Esedé Radio', na web oficial, e velo en directo en Footters por só 2,99 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario