Remontada de líder

Logo de perder contra o Lleida nun partido onde os nosos gozaron dun bo número de ocasións, o guión repetiuse diante do Silva en liga. Non obstante, nesta ocasión si chegou a máis que merecida remontada coa que os nosos seguen no máis alto da clasificación. Unha vitoria coa que encadear un catro de catro no que vai de competición regular mantendo o gran momento polo que está a pasar o Compos. 


Seguimos en Lleida?
Como pasou durante os noventa minutos no Camp D'Esports de Lleida o pasado mércores, o Compos non foi quen de superar a portería defendida por Damián malia contar cun gran número de chegadas. Erros nos últimos metros, imprecisións superada a liña de tres cuartos e problemas para conectar cun ataque branquiazul que non semellaba estar cómodo ante unha defensa forte. 
Josiño, Miki, Santi... as ocasións sucedéronse nunha portería onde non se viron goles nos noventa minutos, caendo os tres no outro lado do campo. Así foi como se coroou un Damián que salvou unha e outra vez un gol que, co paso do tempo, semellaba que non chegaría. Ademais, hai que engadir que a madeira salvou en máis dunha ocasión ao cadro coruñés. 
No outro lado, na porta defendida por Lorenzo, só se viron dúas ocasións claras nos primeiros corenta e cinco minutos. A primeira, con só tres minutos xogados, obrigou ao padronés a esforzarse ao máximo para evitar un susto cando había xente aínda sen ocupar os seus lugares na bancada, unha ocasión que tivo unha segunda parte cun disparo ao pau e a parada final. Na segunda non houbo tanta sorte. 
Despois de moito tempo perdoando nunha chegada tras outra, o Silva quixo desfacer a igualdade e intentar repetir o conseguido polo Lleida días atrás. Isto chegou da maneira na que semella ter mais problemas o Compos á hora de defender: a balón parado. Córner que un xogador visitante, coa cabeza, manda ao segundo pau e Michi Leal non perdoa marcando case a pracer. 

Os porteiros, a chave do resultado. 
Ao igual que no primeiro tempo, Lorenzo tivo que reaccionar moi cedo tras o paso por vestiarios. O gardamallas de Padrón meteu a perna no momento axeitado para evitar que Movilla puidera ampliar diferenzas. Foi aí cando o Silva perdeu o encontro ao non poder aumentar distancias. E é que os nosos non tardaron moito máis en poñer en perigo a porta de Damián, que evitou unha gran dobre ocasión con Santi e Miki como autores. 
Co paso dos minutos, o Silva foi perdendo forza sobre o terreo de xogo e a entrada de Aythami serviu para dar un pouco máis de calidade a un ataque no que faltaba a maxia de Alex Ares. Porén, nin con dous homes en traballos ofensivos chegaron mellores ocasións fronte un Silva que non puido frear as xogadas importantes máis que a base de faltas, algunhas realmente duras. 


Minutos máxicos. 
Con Damián case insuperable e unha defensa férrea do cadro silvista houbo que remar moito... pero o gol chegou. Segundos despois dunha oportunidade clara, dun gol evitado na mesma liña, chegou a terceira cita consecutiva de Aythami co gol. Non obstante, o disparo do canario petou en Scalon enganando ao gardamallas rematando cunha gran xeira en liga para o dianteiro. 
O empate cambiou totalmente o xogo ata o punto de que o que non entrara antes si semellaba que podería entrar agora. E é que o segundo case chega cun córner olímpico que botou Remeseiro só dous minutos antes de que Santi desfixera a igualdade. O lucense non o pensou dúas veces e dende a frontal púxoa pegada ao pau. Un gran gol co que manter ao equipo no máis alto. 
E isto non quedou así. Os quince minutos finais deixaron cousas importantes coma a expulsión de Naveira por dobre amoestación ou o posible gol pantasma de Remeseiro que no directo non se puido ver se a pelota botou dentro ou fóra da portería. 

Agora, cunha semana por diante sen fútbol máis alá da liga, hai que pensar na cita contra o Paiosaco para seguir sumando neste curso tan difícil. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira (Saro, min. 66), Piscu, Uña, Naveira; Ube (Aythami, min. 55), Remeseiro; Miki, Josiño (Álvaro Casas, min. 78), Brais Abelenda; e Santi. 
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Pereira e Brais Abelenda. Expulsado por dobre amoestación Naveira.
GOLES: 0-1 34' Michi Leal, 1-1 70' Scalon, 2-1 77' Santi. 
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario