A pola cuarta

O Compos volve ao traballo despois da eliminación de Copa para manter o pleno de vitorias na liga. Diante estará un Silva que quere volver ao camiño do triunfo despois de dúas derrotas consecutivas e de facer só un gol en tres xornadas, sendo un dos equipos con menos anotación da liga. Un encontro entre dous equipos que deixaron unha boa imaxe a pasada tempada e que este ano semellan estar en estados moi diferentes.


De máis a menos.
O Silva arrincou a tempada dunha maneira inmellorable. O equipo coruñés iniciou o seu curso no Morrazo cun triunfo pola mínima grazas a un gol de Movilla no primeiro tempo. Mais iso non foi máis que a única derrota dos da Grela, que inauguraron o curso na casa con dúas derrotas consecutivas na Coruña diante de Bergantiños e Paiosaco-Hierros, equipo que se está a estrear na competición de gran maneira. Ademais, hai que engadir que nas dúas últimas citas tampouco puideron marcar ningún gol pechando as tres primeiras datas do campionato con un gol a favor e tres en contra.
Fóra do descenso a estas alturas, o cadro silvista reforzouse ben ata completar un equipo con 22 xogadores cos que afrontar un unha tempada difícil chea de grandes rivais coa permanencia como obxectivo principal. Ademais, hai que salientar a curta idade media dos xogadores facendo pensar que contan cun bo proxecto de futuro.
A nivel individual hai que destacar a xogadores coma Movilla ou Cañizares, os máximos goleadores do equipo o ano pasado e que buscarán devolver a ilusión á súa afección nesta tempada.

Haberá goleada?
O Silva visitou San Lázaro en dúas ocasións e os resultados non foron para recordar por parte do equipo visitante. De feito, as dúas únicas citas nas que se mediron en terras picheleiras remataron con goleadas branquiazuis sen dar opcións ao rival.
O primeiro precedente data de marzo do ano pasado. Un partido no que os nosos chegaron ao tempo de lecer por diante no marcador grazas a un gol de Nogueira. O dianteiro branquiazul foi tamén o encargado de asinar o segundo tanto mentres que Recoba asinou un gol que semellaba ser a sentenza. Non obstante, Renan Zanelli buscou manter con opcións aos seus mentres que Ube e Santi pecharon a goleada.
Meses despois, en agosto, o Compos abriría un novo curso en San Lázaro contra un Silva moi inferior. Rubén e Róber porían terra de por medio antes do tempo de lecer mentres que Lucas Lima recortou diferenzas. Sobrido e Santi, xogador que repetiu meses despois, pecharon a goleada sumando un total de 9 goles en dous partidos.

Con pouco tempo.
Tres días para preparar un novo partido dos nosos en liga despois do pau da Copa do Rei, onde a Esedé foi superior a un Lleida que mostrou máis efectividade de cara a gol materializando a única chegada sobre a porta defendida por Anxo. Con isto, o equipo terá que preparar a cita do domingo cunha viaxe dende terras catalás por medio.
Pola súa parte, o Silva terá máis tempo despois para preparar a súa segunda saída do campionato logo de recibir ao Paiosaco-Hierros o pasado sábado. Oito días para buscar o xeito de acabar coa gran xeira branquiazul que o sitúa no máis alto da clasificación.

Un gol.
No alto da clasificación hai tres equipos con pleno de vitorias. Entre eses tres equipos hai dous que contan cunha diferenza moi curta e que pode cambiar en calquera momento. E é que o Compos é líder grazas a ter un gol anotado máis ca o Bergantiños no que vai de tempada. Os oito goles a favor dos nosos superan os sete do cadro carballés mentres que ámbolos dous conxuntos encaixaron, ata o de agora, un total de 2 goles.

Non hai dous sen tres.
Abelenda, Remeseiro, Miki, Josiño, Anxo, Piscu... sen dúbida, o equipo quedou moi ben reforzado no mercado de verán con grandes pezas que se están a gañar o posto no equipo titular. Non obstante, hai que destacar o gran traballo que está a facer en labores ofensivas Aythami. O dianteiro canario chegou para ocupar o posto de Primo e a día de hoxe leva dúas xornadas de liga consecutivas vendo portería, aos que engadir outro contra o Mensajero. Tres goles en cinco partidos para un dianteiro diferente ao cántabro mais coa mesma facilidade para ver portería.

Tres fóra.
Malia entrar na convocatoria para viaxar a Lleida, Samu será baixa este domingo por lesión seguindo na enfermaría branquiazul xunto a Rubén e Alberto. Tres xogadores que aínda non foron quen de debutar en liga cando está a piques de cumprirse un mes de fútbol oficial. Non obstante, nesta ocasión non haberá tanto problema á hora de completar a lista definitiva xa que en liga só pode haber cinco xogadores no banco de suplentes.

Co resto de resultados xa coñecidos.
A cuarta xornada do campionato xogarase ao completo o domingo pola tarde e os nosos pecharán a data á mesma vez que o Arosa-Alondras. Así é que o domingo ás 19h arrincará o derradeiro partido da fin de semana arrincando o segundo tempo con gran parte dos demais resultados xa coñecidos, entre os que se atopa o do Bergantiños co que haberá que pelexar unha vez máis polo primeiro posto. As entradas, coma sempre, terán un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces de entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12.
Quen por contra non poida achegarse ao templo branquiazul, o encontro poderá seguirse en directo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter ou ben escoitarse na 'Esedé Radio', na web oficial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario