Obrigados a facer historia

Un Compos sen ideas nunha nova visita a Catalunya terá que facer algo histórico en San Lázaro o vindeiro domingo se non quere quedar nunha Terceira que se presume moi dura de cara á vindeira tempada. En Terrassa, o cadro branquiazul non tivo ideas ante un equipo que soubo defenderse e aproveitar as súas ocasións, escasas, para sacar un resultado máis que positivo malia rematar con dez. 


Incómodos.
O encontro arrincou co Terrassa mandando nos primeiros minutos de partido. Ante a súa afección e sobre céspede artificial, ao que non están acostumados os nosos, os egarenses meteron aos nosos en campo propio buscando a portería defendida por Lucas, que aínda así pasou un primeiro tempo tranquilo sen ocasións locais. 
Superados os quince minutos de xogo, a pelota pasou a ser de dominio galego. O Compos fíxose coa posesión e, durante uns intres do encontro, xogouse pasado o centro do campo, sen chegar tampouco á escadra defendida por Ortega. A iso hai que engadir que os poucos intentos dos nosos foron freados polos de vermello pechando o primeiro tempo con dous cartóns amarelos, que se igualarían antes do tempo de lecer cos vistos por Cardeñosa e Rubén perdéndose o primeiro o partido de volta por sanción. 

Mala saída. 
O paso por vestiarios pareceu sentar mellor aos homes de Cristian García. De feito, non precisaron nin tres minutos para cambiar o partido por completo. Unha internada de Fran Piera libre de marca, con erro de Cardeñosa, ninguén lle entra e bate a Lucas a pracer. Un gol que serviu para encamiñar a vitoria e poder cambiar a forma de xogar, pasando a defender con once durante os corenta minutos restantes e probar, sen asumir riscos, á contra. 
Diante, un Compos sen ideas, bloqueado e cos mellores xogadores anulados ao igual que pasou diante do Espanyol B. A iso hai que engadir que os intentos dos nosos foron de novo freados a base de faltas nun partido que se pechou cun gran número de xogadores amoestados e, a once minutos para o final, un expulsado. 

Dez minutos de infarto. 
O final do partido contou cun pouco de todo. O Compos, case á desesperada, buscou aproveitar a superioridade numérica con Primo e Diego Rey como xogadores máis adiantados. Foron, ademais, os dous protagonistas dos minutos finais cun penalti non sinalado sobre o cántabro, que se castigou cun cartón amarelo para Naveira por protestar e outro para Primo, que na seguinte xogada deixou unha mostra de impotencia facendo unha falta en ataque; e unha oportunidade do centrocampista asturiano que se foi fóra por moi pouco. 
Pola súa parte, o Terrassa tamén tivo unha última ocasión para aumentar a diferenza. Unha xogada perigosa a balón parado, unha falta inexistente, que colga un xogador egarense e que, nun intento de despexar, Casas manda ao fondo das redes. Un gol en propia porta que pode deixar aos nosos sen un premio merecido durante nove meses.

San Lázaro debe ser o xogador número doce. 
O domingo ás 20 horas, San Lázaro debe ser moi importante para acadar algo que podería ser histórico. Dous goles forzarían unha prórroga mentres que un gol visitante obrigaría aos nosos a facer catro. Será unha final importantísima e o equipo precisa de todos. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Mon, Tomás (Diego Rey, min. 72), Alex Ares, Rubén (Ube, min. 57), Róber (Sobrido, min. 88); e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Cardeñosa, Rubén, Casas, Saro, Primo e Naveira.
GOLES: 0-1 47' Fran Piera, 0-2 90' Casas en propia porta.
CAMPO: Olímpic de Terrassa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario