Último paso

Despois de dar a cara diante un gran filial de Primeira en terras catalás e de dar unha lección de fútbol en San Lázaro diante do Terrassa, o Compos terá que dar un último paso para volver á Segunda B. Nun campo difícil, cun desprazamento cómodo e, presumiblemente, cunha gran chegada de seareiros branquiazuis ás bancadas dun campo tan histórico coma é o Helmántico. 
Diante, o noso derradeiro rival no camiño á categoría de bronce. O Salmantino, un dos equipos que naceu logo da desaparición da UD Salamanca ocupando a súa praza na Terceira división, quere acadar tamén un ascenso histórico logo de chegar a esta fase de ascenso dende a cuarta posición, acadada na derradeira xornada do campionato. 


A polo terceiro ascenso consecutivo.
En 2013, o Salmantino, ao igual que Unionistas, naceu logo da desaparición do equipo grande da cidade castelá. Un equipo que asinou durante dúas tempadas consecutivas a súa permanencia no grupo 8 da Terceira división, en ámbalas dúas ocasións rematando na 9ª posición, mais descendendo a Provincial fóra dos terreos de xogo. 
O camiño dende a categoría máis baixa do fútbol castelán-leonés non foi tan duro para o cadro salmantino. Con só unha derrota en todo o curso, acadaron o ascenso a Rexional sen excesivos problemas. O mesmo, o ano seguinte volvendo á Terceira división en dous anos e sen complicarse moito a vida. 
A súa volta á cuarta categoría do fútbol español non foi un paseo mais conseguiron acadar o seu obxectivo na derradeira xornada do campionato. Conseguírono con 74 puntos, a só 6 do líder, o Unionistas, a tres do segundo e igualados a puntos co terceiro, que asegurou a súa posición na xornada final. 
38 puntos no Helmántico, empatando en 2 ocasións e perdendo noutras 5, e outros 36 a domicilio, onde só perderon 3 partidos incluindo tamén unha promoción de ascenso na que están a superar eliminatorias lonxe da casa. 
En canto a goles, trátase do segundo equipo con máis tantos ao seu favor, con 74, só superado pola Arandina, que rematou segunda. Por contra, os 35 goles encaixados na liga regular deixan ao equipo adestrado por Pablo Cortés na quinta posición desta hipotética clasificación. Neste caso destaca tamén a presenza de Murci, ex dianteiro de equipos coma a Cultural Leonesa, Arenas de Getxo ou Talavera entre outros, como autor dun total de 16 goles dende a súa chegada ao equipo no mes de novembro logo de arrincar a tempada nas filas do Eldense, co que fixo outros tres goles. Completa os 20 no que vai de curso con outro anotado na fase de ascenso. 

A ida, partido importantísimo. 
Ao igual que pasou na pasada eliminatoria, o Compos terá que poñer un pé no ascenso a domicilio. E terá que facelo nun campo onde un rival non gaña dende o mes de abril. A iso hai que engadir que os nosos non saben o que é conseguir un bo resultado lonxe de San Lázaro dende a penúltima data de liga, no Carballiño, gañando ao Arenteiro e asegurando de xeito matemático o campionato. Na fase de ascenso, dúas derrotas e ámbalas dúas con dous goles de diferenza deixando sen ascenso aos nosos na rolda de campións e creando algunha que outra dúbida en Terrassa, conseguindo unha remontada para o recordo na volta. 
Pola súa parte, o Salmantino aínda non sabe o que é gañar no Helmántico nesta fase de ascenso. Con dous empates en dous partidos, os dous con goles, a sorte quedaba para o enfrontamento de volta, nas dúas ocasións a domicilio, onde conseguiron ir superando aos seus respectivos contrarios con emoción ata o final.

O gol, case asegurado.
Tendo en conta que estamos nunha final e que ningún dos dous equipos quere perder, o gol semella estar asegurado nesta ida, na que o Compos parte como favorito e coa obriga de marcar algún tanto que o deixe algo mellor situado de cara á volta, sete días despois en San Lázaro, cun resultado non tan negativo coma pasou no Olímpic de Terrassa. 
O Helmántico, campo histórico do que logo falaremos, viu como ata cinco equipos marchaban cos tres puntos. Real Ávila, Palencia Cristo Atlético e Bembibre conseguiron, pola mínima, o triunfo mentres que Numancia B e Arandina o fixeron con dous goles de diferenza. Ademais, hai que engadir que Beroil Bupolsa e Atlético Astorga, en liga, e Poblense e Mutilvera, en fase de ascenso, conseguiron igualar o marcador ante un equipo que só quedou sen marcar na súa casa en dous partidos dos máis de vinte que acumulan. 

Moita igualdade no Helmántico.
Ao longo da historia, dende 1985 e ata 2003 para ser máis precisos, o Compos visitou o Helmántico en seis ocasións para enfrontarse á UD Salamanca. Seis precedentes que nos deixan uns datos un tanto igualados de máis. De feito, o números 2 repítese xa que esas foron as ocasións nas que os nosos gañaron alí, no 97 e 2001, as mesmas que o xogo rematou en empate, 85 e 2000, e en derrota branquiazul, 96 e 2003 sendo a derradeira ocasión na que se viron as caras dous históricos do fútbol español e que suman, entre os dous, un total de 16 tempadas en Primeira e 41 en Segunda división.
Ademais, sen ir máis para atrás, o Compos participou en catro ocasións na Segunda B na última década enfrontándose a un bo número de equipos da comunidade veciña. Palencia, Ponferrada, León, Zamora, Miranda do Ebro, Guijuelo, Burgos, Valladolid, Astorga e Aranda de Duero foron paradas obrigatorias dos nosos con resultados non tan positivos para os nosos.

Expertos en emoción.
Por se non era suficiente clasificarse para a fase de ascenso na derradeira xornada, o Salmantino pode presumir de controlar ben a emoción nesta promoción. De feito, logo de empatar na ida das dúas eliminatorias, equipo de Salamanca superou ao Poblense na primeira rolda remontando un 2-0 en contra e anotando os dous goles cos que igualar e dar a volta ao resultado nos cinco últimos minutos.
Algo máis tiveron que xogar a pasada fin de semana. Contra o Mutilvera, outro dos campións eliminados na primeira rolda, Murci fixo o gol visitante mentres que Dani Ederra empatou para os locais a cinco minutos para o final do encontro forzando a prórroga. E foi aí, na media hora engadida, cando chegou o gol de Juanan, con dez minutos por diante deixando fóra ao campión navarro, que terá que agardar un ano máis para volver á Segunda B.

Todos dispoñibles. 
Antes do partido do Terrassa, no quencemento, coñecimos a baixa de Róber, que chegaba algo forzado ao encontro. O seu posto quedou ocupado por Rubén e Santi apareceu durante o segundo tempo confirmando a súa recuperación e sendo un xogador moi importante para completar esa remontada diante dun equipo que pouco fútbol parecía ter nas súas botas. Pola súa parte, Cardeñosa cumpriu ciclo de amoestacións e poderá estar ás ordes de Yago Iglesias este mesmo domingo. 
Noutra orde de cousas, hai que ter moi en conta os cartóns para o partido de volta. Para esta fase de ascenso, na que a sanción chega co terceiro cartón amarelo, chegan á final apercibidos Rubén, Naveira, Álvaro Casas e Saro, que non poderían estar na volta de ver un cartón amarelo. 

Desembarco branquiazul. 
O sorteo por fin quixo que o desprazamento fora algo cómodo para a familia branquiazul. De feito, o clube, en colaboración co Concello de Santiago, poñen á disposición dos seareiros que queiran un número ilimitado de autobuses polo prezo de 20 euros para maiores de idade e 10 euros para menores. O prezo inclúe tamén a entrada, de 10 euros, no Helmántico e a viaxe sería a partir das 5 da madrugada dende a capital galega, San Lázaro para ser máis exactos, e volvendo despois do encontro. O partido será o domingo ás 12 da mañá no Helmántico de Salamanca e as entradas para afeccionados da Esedé estarán dispoñibles nas oficinas de San Lázaro, xa que haberá unha parte do estadio exclusiva logo dun acordo entre os dous clubes.
Quen, por contra, non poida ir poderá seguir o encontro en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario