Motivos para crer

É un resultado negativo e non houbo gol a domicilio na ida. Non obstante, sobran motivos para crer nun Compos que aínda non dixo a súa última palabra. De feito, as opcións para os nosos pasan, en primeiro momento, por meter o primeiro gol dende as bancadas cun bo ambiente en San Lázaro, digno das mellores tardes de fútbol en Santiago. Ademais, hai bos precedentes que acompañan as esperanzas branquiazuis diante dun Terrassa moi forte a domicilio.


E por que non?
Ata oito resultados do noso Compos na casa ao longo da tempada e outros tres, as únicas derrotas a domicilio, sufridos por un Terrassa forte tamén a domicilio e que demostrou contar cunha defensa forte e poboada, formada por momentos por ata nove xogadores e o porteiro, valen para poder celebrar unha nova final polo ascenso que nesta ocasión semella ser algo máis dura. 
Ao longo da tempada, San Lázaro foi testemuña de grandes citas e, sobre todo, resultados que poderían facer que os nosos tiveran dúas semanas máis de traballo. Oito vitorias por dous ou máis goles dos nosos fan que as esperanzas dunha remontada aumenten. Ademais, hai que ter en conta que algunhas desas vítimas foron equipos coma Racing Vilalbés ou Somozas. 
Durante a primeira volta, Silva, Negreira e Arenteiro caeron por tres, catro e ata cinco goles de diferenza, uns resultados máis que suficientes aínda encaixando un gol. Pola súa parte, despois das vacacións de nadal, Ribadumia, Racing Vilalbés, Somozas e Ourense caeron todos cun 3-0 que nos levarían directos á derradeira rolda da fase de ascenso. Por contra, outro resultado que tamén valería mais nos levaría a media hora máis de fútbol, é o 2-0 conseguido diante do Vilalonga no pasado mes de maio. A eses resultados na casa hai que engadir tamén o 0-5 conseguido na Illa de Arousa, que faría dunha noite de nervios, algo moito máis tranquilo. 
Pola súa parte, o Terrassa só perdeu en tres ocasións a domicilio durante o curso. Non obstante, os tres resultados servirían aos nosos para manter opcións. O 2-0, que encaixaron ante L'Hospitalet e Prat, e o 3-0 recibido diante da Pobla de Mafumet na súa última derrota ata o momento, hai tres meses, deixarían aos nosos ou na prórroga ou ben clasificado para a final. 

Un ollo ao pasado.
Non hai que ir moi lonxe para atopar resultados tamén moi válidos. Na anterior fase de ascenso dos nosos, alá polo ano 2013, o Compos fixo pleno de vitorias na casa con tres resultados que servirían, de novo, para forzar media hora máis de fútbol. 
Esa promoción comezou cun 4-0 ante o Ebro aragonés, unha eliminatoria que se pechou cun empate a domicilio. Na semifinal, un 3-0 contra o San Juan navarro que se completou con outro partido igualado en canto a goles. Algo menos suficiente sería o resultado conseguido na final, ante o Cieza. Un 2-0 que, de novo, obrigaría a permanecer media hora máis en San Lázaro sufrindo.
En 2009, superando a promoción de campións, o noso equipo tamén asinou un resultado moi positivo e suficiente para repetir esta mesma fin de semana. Ante o Atlético Monzón aragonés, na ida, con dous goles de Claudio e outro de Vladimir. O resultado da volta, 2-1 a prol dos oscenses, serviu aos nosos para acadar un ascenso á categoría de bronce logo de catro anos pola Preferente e un curso paseando pola Terceira.

Un pasado en común. 
Hai quince anos que o Terrassa pasou por San Lázaro na súa única visita á capital galega. Foi nun partido de liga, na campaña 2002/03 na Segunda división, nun partido non exento de polémica. O Terrassa, que rematou con nove, púxose por diante no segundo tempo grazas a un gol de Monty. A vitoria catalá durou só dez minutos, ata o gol de Sequeiros para empatar. O andaluz foi tamén autor do segundo tanto do encontro no engadido. 
Por outro lado, outro dato a ter en conta, é que o Compos xa se tivo que enfrontar a outro equipo catalán noutra fase de ascenso que rematou cun resultado final. Foi na promoción de ascenso á Segunda división en 2002 e ese rival que pasou por San Lázaro foi o Barcelona B. Non obstante, o resultado foi insuficiente para o que se buscará este domingo, xa que a vitoria branquiazul foi pola mínima con gol de Maikel. Hai que dicir tamén que nesa mesma promoción, noutro grupo, conseguiu o ascenso o Terrassa sendo o último ascenso á categoría de bronce dos dous equipos.

1 en 12.
Outra razón para crer. O Compos xogou seis promocións de ascenso coa que se está a desputar este curso. Cinco fases de ascenso superadas e outra que aínda está por ver nas que, ollo a este dato tan importante, só recibiu un gol xogando como local. 12 encontros e só 1 gol encaixado en Santiago, en Santa Isabel, que demostran que a capital galega é un muro case insuperable.
A primeira promoción de ascenso foi á Segunda división alá polo ano 1991. Primeira ocasión na que o noso equipo pelexaba por entrar no fútbol profesional e o fixo deixando claro que non perdería a oportunidade de acadar a categoría de prata. Aínda en Santa Isabel, o Alcoyano e o Alavés pasaron pola cidade sen poder ver portería mentres que, na derradeira xornada, o Compos asinaría ese ascenso diante dun Badajoz que chegaba líder do grupo e que non puido facer nada malia anotar o único gol que encaixarían os nosos nunha fase de ascenso en Santiago. O resultado final foi de 3-1 e o Compos faría historia por primeira vez.
A categoría de prata non se fixo grande para o clube galego senón que, despois de tres tempadas, conseguiría o terceiro posto que daba opción a unha promoción contra o décimo sétimo clasificado da Primeira división, un dos postos de promoción de permanencia. Compos e Rayo Vallecano comezaron a eliminatoria cun empate a un gol en Madrid mentres que unha semana despois, en San Lázaro, o empate sería sen goles obrigando a xogarse un terceiro partido, en Oviedo, onde os nosos tocaron o ceo.
Catro anos en Primeira, outros catro en Segunda, un descenso á Segunda B e, á tempada seguinte, unha nova fase de ascenso á Segunda A. Un grupo moi complicado para os nosos pero con resultados inmellorables ante o Mérida e os filiais de Valencia e Barcelona, que non foron quen de ver portería perdendo os tres ante os nosos. Van tres promocións superadas e só un gol recibido na casa en sete encontros.
Un descenso administrativo e outro no campo levaron aos nosos a catro anos na Preferente, con moitas posibilidades de descender aínda máis. Non obstante, en 2008 o equipo volveu á Terceira división e non tardou nin un ano en saír campeón de grupo. Por diante, unha eliminatoria nada sinxela ante o campión aragonés, o Atlético de Monzón. E en Santiago, na ida, chegou unha nova goleada que deixaba aos nosos con pé e medio na Segunda B a falta de noventa minutos. Tres goles branquiazuis e nova ocasión sen encaixar un gol.
De novo, outro ano para esquecer, cun descenso dobre polo feito tanto no campo coma nas oficinas, que levaba ao equipo a militar na Preferente directamente sen pasar pola Terceira. Un ano na zona media e outra ocasión sendo campión e levando aos nosos a unha dura Terceira que rematou na terceira praza. Sen medo, pasaron por Santiago Ebro, San Juan e Cieza recibindo catro, tres e dous goles respectivamente e sen poder anotar ningún en San Lázaro nos 270 minutos, si en cambio facéndoo os dous primeiros a domicilio acadando dous empates e pechando o ascenso con outro triunfo, repetindo resultado, en terras murcianas.
E todo isto lévanos a esta tempada, na que de momento tivemos xa unha rolda que, grazas a ser campións de liga, deixounos unha segunda oportunidade malia perder. Non obstante, o Espanyol B non foi quen de anotar tampouco en San Lázaro nun encontro que remataría sen goles deixándoo todo para a volta, onde os barceloneses asinarían a súa volta á categoría de bronce.

Moito erro que correxir. 
No partido de ida, o equipo mantívose con opcións ata o engadido, cando os egarenses conseguiron o seu segundo gol. Non obstante, hai moito que correxir dun partido no que os nosos deixaron unha mala imaxe chegando, por momentos, a non saber competir e menos aínda poñer en perigo unha portería defendida por un muro case sen ocos estrelándose ao igual que pasou contra o filial do Espanyol. A iso hai que sumar a falta de gol dos nosos, que non gañan en Santiago dende hai algo máis dun mes. 

Unha baixa moi importante. 
Xa con Santi totalmente recuperado, que podería ser titular despois de non entrar na convocatoria no encontro de ida, Yago terá que mover algunha que outra peza ante a baixa importante desta fin de semana. Cardeñosa, que viu tres cartóns amarelos no que vai de promoción, un por partido, non poderá estar por sanción. 

Noite de festa? 
O partido dará comezo o domingo ás 20 horas en San Lázaro, sendo a cita do curso cun horario máis tarde. Será unha cita que ninguén se debería perder e para a que hai organizado un recibimento aos xogadores na porta do estadio. Ademais, para quen queira asistir ao encontro e non teña xa a súa entrada, estarán a un prezo de 5 euros para socios e acompañantes maiores de idade, cada aboado poderá sacar unha polo mesmo prezo, mentres que será de balde para socios menores de 18 anos. Por contra, para non socios estarán nas billeteiras a un prezo de 10 euros para maiores de idade e 5 para rapaces de entre 13 e 17 anos mentres que os menores de 12 entran de balde. 
Quen, por contra, non poida achegarse ao encontro, poderá seguilo en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Tamén se poderá ver en directo pola TVG2 e escoitarse a través da 'Esedé Radio', na web oficial do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario