Nunca deixes de soñar

O Compos fíxoo. Logo dun recibimento aos xogadores doutro nivel, o equipo volveu facer algo moi grande. Logo da derrota en Terrassa, os de Yago Iglesias conseguiron unha remontada que os deixa a 180 minutos da gloria, do soño que levan facendo realidade dende o pasado mes de agosto. Ante os cataláns, Tomás e Primo, por partida dobre, asinaron os tres goles que nos levan un paso máis alá contra un rival que coñeceremos o luns no sorteo. 


Mellor do pensado.
Nin no mellor dos soños cabía esperar o gran encontro feito polos nosos no primeiro tempo. Unha saída coas ideas claras, buscando a posesión do esférico, levou aos nosos a ter oportunidades claras con rapidez. A iso hai que engadir que o primeiro premio, co que aumentar as opcións en gran medida, chegou superados os dez minutos logo dunha xogada en equipo. Primo buscou asistir a Rubén e o disparo deste petou no pau. O rexeite caeu a Tomás, que non perdoou cun testarazo imposible para o gardamallas. 
O máis difícil estaba feito. O Compos xa estaba por diante no marcador con tempo suficiente por diante para, mínimo, empatar a eliminatoria, algo máis sinxelo coas bancadas ateigadas de seareiros que non deixaron de animar durante os noventa minutos. 
Sen mostras de reacción por parte do equipo visitante, o dominio branquiazul foi a máis co paso dos minutos e o segundo gol caeu xusto antes do tempo de lecer. Tamén coa cabeza, Primo asinou o gol do empate a centro de Alex Ares. Un golazo co que facer estoupar de ledicia a todos. 

Momento da sentenza.
Se din que un gol xusto antes do tempo de lecer é un golpe psicolóxico para quen o encaixa, non é para menos recibir un gol que, ademais, serve para remontar a eliminatoria, antes de cumprirse os cinco minutos do segundo tempo. Unha contra que inicia Rubén cun pase para Primo e o cántabro, logo dun caneo co que desfacerse dun contrario, bateu ao porteiro cun disparo raso lonxe do seu alcance. 
Evitada a prórroga, tocaba asegurar o resultado contra un equipo que non probou a Lucas en todo o primeiro tempo e boa parte do segundo. E das perdas de tempo dos visitantes durante a primeira metade, algo de tranquilidade por parte dos visitantes con Diego Rey e Primo loitando cada balón para buscar un cuarto tanto que non puido chegar antes do minuto noventa. 

Nervios finais. 
O Compos tiña o pase na man. O Terrassa precisaba dun gol. Os vinte minutos finais convertíronse nunha dura loita baseada nun bo número de faltas, algunhas non sinaladas, e dúas chegadas perigosas por parte dos cataláns, unha no engadido, que puxeron aínda máis nervios sobre o verde. Non obstante, Lucas demostrou de novo uns grandes reflexos para evitar a nosa eliminación e poñer ao Compos a 180 minutos da gloria. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Naveira; Samu; Tomás (Alberto, min. 59), Alex Ares, Rubén (Santi, min. 64), Diego Rey (Mon, min. 76); e Primo. 
CARTÓNS: Amarelos para Rubén, Naveira, Mon, Lucas e Alex Ares.
GOLES: 1-0 12' Tomás, 2-0 44' Primo, 3-0 49' Primo.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario