Á conquista de Salamanca

Despois de superar ao Terrassa nun partido perfecto en San Lázaro, superando unha eliminatoria que se puxo costa arriba na ida, o Compos xa coñece ao seu rival. A Final, o último paso cara á Segunda B, pasa por Salamanca, onde os nosos terán que visitar un estadio histórico como é o Helmántico para enfrontarse ao CF Salmantino UDS, un dos clubes formados na cidade na honra da desaparecida UD Salamanca. 


Un cuarto. 
Só dous cuartos clasificados chegaron vivos a esta eliminatoria final. O Atlético Sanluqueño, que foi o primeiro en saír no sorteo, e os salmantinos. Un conxunto xoven, formado hai só 5 anos, e que xoga os seus partidos no estadio grande da cidade, a diferenza do Unionistas, que o fai no anexo do Helmántico. Cuartos no grupo 8 con 74 puntos, clasificáronse para esta fase de ascenso na derradeira xornada de liga grazas a unha vitoria traballada diante do Cebrereña, por 3-2.
Con moito gol nas súas filas (74), só superados pola Arandina no seu grupo, contan tamén cunha boa defensa que encaixou só un total de 35 goles. 22 vitorias, 8 empates e 8 derrotas falan ben dun equipo que asinou números moi semellantes tanto na casa coma a domicilio, con só dous puntos de diferenza.
De feito, hai que destacar que no Helmántico conseguiron 12 vitorias, dúas máis que fóra de Salamanca, pero perderon boa parte dos seus partidos diante da súa afección caendo ata en 5 ocasións, tres delas pola mínima. Si ben é certo que acumularon tantos empates na casa ao longo da tempada como no que vai de promoción de ascenso. 
Ata aquí chegaron despois de dúas eliminatorias nas que se desfixeron do Poblense na primeira rolda e Mutilvera na segunda. O dato máis curioso é que nas dúas roldas xogaron a ida na casa empatando nas dúas ocasións e decidiron o pase a domicilio, na volta, con resultados axustados remontando un 2-0 ante o Poblense con dous goles nos derradeiros 5 minutos e chegando á prórroga ante o Mutilvera. 

Desprazamento cómodo. 
Se hai algo positivo en todo isto é que o desprazamento foi o máis curto posible. Logo de dúas viaxes a terras catalás, algo máis de 400 quilómetros separan Salamanca da capital galega. E para aí haberá que ir a vindeira fin de semana, onde se xogará a ida, mentres que a volta será en San Lázaro sete días despois con horarios aínda descoñecidos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario