Malas novas para o fútbol galego

Esta mañá chegaron dúas moi malas novas para o fútbol galego. Con problemas económicos, o Boiro perdeu a categoría que hai dous meses se gañou sobre os terreos de xogo e sairá a competir a vindeira tempada na Terceira división, que de momento contaría con 21 equipos, mentres que apareceu na prensa a posibilidade de que nos vindeiros días desapareza o Cerceda, tamén con débedas.
O Boiro rematou a tempada debendo cartos aos xogadores e, malia conseguir a permanencia sobre o campo, corrían o risco de descender de non pagar a débeda antes do 30 de xuño. Unha moi mala nova para o fútbol galego e que, de momento, aumenta o número de equipos no noso grupo da Terceira. Tamén cabe destacar que tanto Somozas coma Bergantiños poderían facerse cargo da débeda e ocupar a súa praza na categoría de bronce. 
Hai que engadir que o equipo boirense non é o único que perdeu a categoría. O Gavà e o Palencia tamén pasarán a xogar a vindeira tempada na Terceira división logo de confirmarse hoxe os seus descensos administrativos sendo xa catro os equipos que perderon a categoría fóra dos terreos de xogo, logo de que descendera o filial do Mallorca por mor do descenso do primeiro equipo. Por contra, o Recreativo de Huelva si foi quen de aboar a débeda a tempo. 
Pola súa parte, o Cerceda conta cunha débeda de 62.000 euros coa Deputación da Coruña dende 2011. Uns problemas económicos que provocaron que tanto o adestrador coma o presidente deixaran o clube nos últimos días abrindo as portas aos xogadores para que se busquen outros equipos. 
No caso do equipo cercedense, o límite de tempo é algo maior que o do Boiro pero deben atopar un novo dono que chegue con intención de pagar parte da débeda coa Deputación asi como afrontar o presuposto de cara á vindeira tempada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario