Incorporación de luxo


Un día despois de confirmar a presenza de Tomás no equipo de cara á vindeira tempada, o clube anunciou nesta mañá de mércores unha nova fichaxe que ilusiona ao compostelanismo. Alex Ares, mediapunta de Pontedeume de 25 anos, chega a San Lázaro procedente das filas do Cerceda, onde militou as dúas últimas tempadas. 
Reforzo moi importante para as filas da Esedé recén chegado do Cerceda. Alex Ares conta con boa experiencia na Terceira galega logo de sumar tres dos últimos catro anos na categoría, con outro na Segunda B no medio. O Val, Somozas e Cerceda confirman unha boa traxectoria dun futbolista que asinou 21 goles nas dúas últimas campañas, no Roxo. 
O de Pontedeume non só conta con experiencia na categoría senón que ademais xogou xa tres promocións de ascenso á Segunda B, conseguindo o premio final co Somozas logo de tres eliminatorias mala rematar a tempada regular como campión de grupo. 
Na tempada 16/17 xogou un total de 39 partidos entre liga e promoción, 38 deles saíndo no once titular, anotando un total de 8 goles, un deles de penalti. Máis de 3.300 minutos confirmándose como un dos xogadores con máis minutos do curso perdéndose só o partido ante o Negreira no Roxo por sanción logo de ver un cartón vermello ante o Racing Vilalbés. A iso hai que engadir tamén 4 cartóns amarelos.
Alex Ares asina por unha tempada, ata 2018, e confirma a intención do clube de rematar a tempada entre os catro primeiros clasificados. 

Máis por chegar.
O clube segue a buscar novos xogadores de cara á vindeira tempada. Búscanse, con máis importancia, a chegada dun novo xogador de banda, un central e un dianteiro centro que acompañe a Santi na punta de ataque. Neste último caso, apareceron nas redes sociais varios nomes entre os que destacan Fernando Cuadrado do Lugo, Abelenda do Cerceda e Javi Pazos do Vilalonga. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario