Chega un campión


Logo de semanas nas que se estivo a piques de confirmar a fichaxe de Diego Silva polo Compos, imposible por temas de horarios, o equipo faise cos servizos dun compañeiro en ataque do dianteiro de Porriño. Róber Fernández é novo xogador do Compos e asina co clube da capital por unha tempada logo de rematar a pasada tempada sendo un dos máximos goleadores do equipo de Redondela. 
Dende Porriño, pobo onde naceu e no que comezou a súa carreira deportiva, chega un extremo con gran experiencia na Terceira división, na que suma un total de cinco tempadas ata o de agora. Futbolista con gol, como amosou en San Lázaro facendo dous ante Lucas, e que pode xogar nas dúas bandas aproveitando ademais a súa velocidade e facilidade á hora de definir as xogadas na área contraria. Un novo rival tanto para Diego Rey coma para Rubén na pelexa por facerse cun dos postos de titular acompañando a Santi no ataque. 
Con 27 anos e unha boa carreira, xogou os catro últimos anos nas filas do Choco. Seis goles na súa primeira campaña, tres na segunda e ningún na terceira fixeron que non se puidera ver todo o seu potencial ofensivo xogando ata dúas promocións de ascenso. Mais a pasada tempada, na que o equipo sufriu para manter a categoría, anotou un total de 13 goles en 34 encontros, sendo titular en 29 e completando 18 sumando un total de 2.521 minutos na Terceira división.
A todo iso hai que engadir que chega logo de saír campión da Copa Deputación de Pontevedra hai unhas poucas semanas e que foi o autor dos tres goles que o Choco anotou ante o Compos a pasada tempada, sendo o segundo xogador capaz de facer máis goles ante Lucas só superado por Pinchi, que anotou cinco nun so partido. 
Boa nova para a familia branquiazul xa que, sobre todo, chega un home con gol, algo que se levaba pedindo dende a non renovación de Nogueira.

Problemas na base. 
Se hai uns días se anunciaba que habería dous directores na base, un para fútbol 11 e outro para fútbol 8, e que David Rey quedaba ocupando un deses postos, nas últimas horas coñecimos que Juan Vicente deixa o clube por decisión da directiva buscando outro encargado das categorías inferiores e Bellido abandona o clube por decisión propia ante a nova anterior deixando a Castiñeiras como o único responsable agora mesmo da dirección deportiva.

E unha boa nova na categoría. 
Dende o remate da tempada comezaron as dúbidas e os problemas na Terceira división. O presidente do Vilalonga dimitiu e o equipo, ata a noite pasada, non tiña quen levase os mandos do clube con grandes posibilidades de desaparecer se non aparecía unha solución antes do 25 de xuño. Pois ben, apareceu por fin, a unha semana para o final do prazo, alguén que tome o control do equipo do Sanxenxo e xa sabemos que poderá continuar loitando na Terceira galega evitando unha liga de 19 equipos ou ben que o Estudiantil poida ter unha praza na categoría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario